Abstract

Na presente achega analízase a variación -i / -e en final de palabra no marco da evolución do sistema lingüístico galego-portugués durante o período 1250-1350. Chámase a atención sobre un trazo diferencial entre portugués e galego que non ten recibido atención: o mantemento no primeiro do [i] final de palabra átono do latín como [i] nunha serie de vocábulos que en galego rematan en [e]. Colócase o foco sobre os clíticos de dativo, me (P1), te – che (P2), lle(s) (P3-P6) e xe (P3-P6ref) nos textos galegos, que nos portugueses alternan con mi, ti, lhi(s) e xi respectivamente. A variación entre me e mi, cos correspondentes alomorfos {m} e {mi̯}, é obxecto de especial atención. Igualmente, repárase nas desinencias da P1 do pretérito perfecto dos verbos con perfecto forte e mais da P2 do pretérito de todos os verbos: nos textos galegos as formas acaban en -e (dixe, amaste – amasche), mentres que nos portugueses adoitan rematar en -i (dixi, amasti). Con base nunha ampla mostra de textos de distinto tipo, en prosa e verso, literarios e documentais, analízase a distribución diatópica, a evolución diacrónica e a cronoloxía destes fenómenos de variación, que desembocaron na xeneralización das formas en -e.

Full Text
Published version (Free)

Talk to us

Join us for a 30 min session where you can share your feedback and ask us any queries you have

Schedule a call