A elaboración de repertorios terminográficos que inclúen o galego como lingua de traballo experimentou desde 1980 un notable desenvolvemento. A produción terminográfica galega recente, xerada ao abeiro do proceso de normalización lingüística, foi obxecto de análise en publicacións nas que se relaciona coa planificación lingüística (p.e. Rodríguez Río 1996, Galanes 2003). Pola súa banda, na disciplina terminolóxica producíronse relevantes cambios teóricos (sobre todo a partir de Cabré 1999a), que incorporan a visión social e comunicativa ao tratamento da unidade terminolóxica. Estas innovacións teñen reflexo nas aplicacións terminográficas, especialmente no referido a plasmar as relacións entre denominación e concepto (sinonimia, polisemia etc.), así como á variación denominativa e conceptual e á selección das fontes de extracción da terminoloxía (baseadas agora en corpus).
 Nesta situación, entendemos necesario actualizar a análise sobre a terminografía galega, desde a nova perspectiva comunicativa e co obxecto da mediación interlingüística, incidindo na calidade dos dicionarios. Para iso deseñamos un sistema de avaliación con base nos indicadores internacionais (Pointer 1995), nas metodoloxías de base comunicativa e nas máis recentes normas internacionais (ISO) sobre traballo terminográfico. Os resultados desta avaliación revelan conclusións que servirán para orientar o deseño de futuros traballos terminográficos.